Adrenalina

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A adrenalina ou epinefrina é unha hormona vasoactiva.

Adrenalina

Trátase dun neurotransmisor da familia das catecolaminas secretada en situacións de alerta polas cápsulas das glándulas suprarrenais e que actúa sobre o metabolismo, o sistema nervioso central e os aparatos circulatorio e respiratorio. Prepara o organismo para grandes esforzos físicos, estimula o corazón, eleva a tensión central, relaxa certos músculos e contrae outros.

A adrenalina deriva da fenilalanina ou da tirosina. A L-fenilalanina convértese en L-tirosina por acción da tetrahidrobiopterina e o cofactor NADH. Á súa vez, a tirosina convértese en L-DOPA e esta en dopamina por acción da L-aminoácido descarboxilase. A dopamina transfórmase en noradrenalina por acción da dopamina β-hidroxilase. Finalmente, a noradrenalina é convertida en adrenalina por mor da feniletanolamina N-metil transferase (PNMT). Estas reaccións ocorren nas células cromafíns da medula suprarrenal.

A adrenalina libérase cando hai estímulos de estrés, que son mediados por unha neurona acetilcolinérxica preganglionar. A liberación de acetilcolina aumenta a cantidade de ions de calcio intracelular, o que estimula a exocitose e a liberación dos gránulos cromafíns.

O funcionamento deste eixo está regulado polo sistema nervioso central e polos corticosteroides sintetizados na córtex suprarrenal. Os corticoides estimulan a feniletanolamina N-metiltransferase (PNMT).

A adrenalina liberada estimula os receptores alfa dos hepatocitos, incrementando os niveis de glicosa en sangue. Tamén actúan sobre receptores α de células de músculo liso dos vasos sanguíneos e dos pericitos, provocando a contracción muscular e o aumento da tensión arterial.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]