Revolución

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A tomada da Bastilla, o 14 de xullo de 1789 durante a Revolución francesa.

Unha revolución (do latín revolutio 'dar volta') é un cambio ou transformación radical e profundo respecto ao pasado inmediato. Pódese producir en varios ámbitos ao mesmo tempo, tales como económicos, culturais, relixiosos, políticos, sociais, militares etc. Os cambios revolucionarios, ademais de radicais e profundos, e sobre todo traeren consecuencias transcendentais, han de percibirse como súbitos e violentos, como unha ruptura da orde estabelecida ou unha descontinuidade evidente co estado anterior das cousas. Se non é así, debería falarse mellor dunha evolución, dunha transición ou dunha crise. Se o que falta é o seu carácter transcendental, debería falarse mellor dunha revolta. As revolucións son consecuencia de procesos históricos e de construcións colectivas, para que unha revolución exista é necesario que haxa unha nova unión de intereses fronte a unha vella unión de intereses. Entón, podemos dicir que revolución é un cambio brusco ou radical nas estruturas, isto pode afectar no social, económico, cultural etc.

Tipoloxía das revolucións[editar | editar a fonte]

Na historiografía fálase xeralmente de tres tipos de revolucións

Poden valer para exemplificalas as tres grandes revolucións que xorden e se desenvolven entre os séculos XVIII e XIX, marcando a fin da Idade Moderna e o comezo da Idade Contemporánea.

  • A Revolución Francesa foi un movemento fundamentalmente político, porque se trataba de substituír a monarquía absoluta existente ata 1789, para substituíla por un sistema político con características radicalmente opostas, o que permitiu falar dun Antigo Réxime e un Novo Réxime. Desde un punto de vista xeral, pode incluírse a francesa entre as Revolucións Liberais, entendidas como as que aplican a ideoloxía política liberal, e que comezarían coa independencia americana e continuarían en Europa occidental polo menos até 1848.
  • A revolución burguesa entendida como a substitución como clase dominante do estamento privilexiado (formado por nobreza e clero) pola burguesía, co cambio de relacións, comportamentos, actitudes e valores sociais que se identifican cunha ou outra; permite falar dunha nova sociedade de clases. Porén, a historiografía adoita utilizar máis comunmente o termo Revolucións burguesas para referirse, até no seu aspecto estritamente político (a pesar da impropiedade), ás que chamamos revolucións liberais, é dicir, a todos os procesos revolucionarios (como a mesma Revolución Francesa) nos que esta clase social é impulsora.
  • A Revolución Industrial ten un carácter esencialmente económico, a transformación respecto da época precedente (a preindustrial) co uso de novas técnicas, fontes de enerxía, invención de maquinarias, innovadores medios de transporte, aumento da capacidade produtiva coa substitución dos talleres artesanais polas fábricas etc

É necesario indicar que estes dous últimos procesos, a pesar de seren de duración secular, foron claramente percibidos polos seus contemporáneos como súbitos e violentos, como o proban, entre outros extremos, a resistencia e os conflitos que xerou a aparición do maquinismo (a destrución de máquinas ou luddismo). É de imposíbel solución o debate (no que pode destacarse o achegue de E. P. Thompson) sobre se a revolución industrial inglesa custou máis mortes e sufrimentos que a revolución liberal francesa.

Xustificado este uso, enténdese que por extensión se aplique o termo revolución á Revolución Neolítica e a Revolución Urbana (definidos por Vere Gordon Childe), procesos xa non seculares mais milenarios, pero que presentan claras analoxías cos do XVIII e XIX en canto á transformación radical (e sen dúbida violenta) das formas de vida da humanidade.

Non se esgota a tipoloxía das revolucións con estes tres tipos. Fálase de revolucións en calquera ámbito, até nos máis afastados dos usos anteriores, como sería o ámbito da ideoloxía (revolución ideolóxica) ou o da arte (revolución artística). Ás veces esa extensión faise con evidente abuso do termo (cando se aplica á moda, ao deporte, á última novidade da música popular...), e ás veces está plenamente xustificada (Revolución Cultural na China maoísta) ou o concepto de revolución científica (Thomas Kuhn).

Revolución Irmandiña[editar | editar a fonte]

Aínda que a aplicación do termo revolución a estes sucesos é moi discutida, na historiografía galega o feito máis importante deste tipo é o conxunto de revoltas irmandiñas, que se ben vistos desde hoxe non teñen algunhas das características dunha revolución e o seu obxectivo era máis unha restauración de dereitos que un cambio radical, si foron vistas polos seus protagonistas e por moitos galegos desde entón como unha revolución.

Revolucións[editar | editar a fonte]

Nome Período Descrición
Revolucións liberais
Burguesa Revolucións inspiradas na Ilustración. Ascensión das burguesías en Europa e América.
Inglesa 1642-63 Guerra entre o Parlamento e o Rei. Execución de Carlos I e formación dun protectorado republicano.
Gloriosa 1688-89 Jacobo II de Inglaterra é derrocado. Establécese unha monarquía constitucional controlada polo Whig.
Estadounidense 1776 Institúe a independencia de Inglaterra coa creación dunha república.
Francesa 1789-99 Unha das revolucións máis influentes, asociada coa ascensión da burguesía.
De maio 1810-20 Arxentina independizouse (de feito en 1810 e de dereito en 1816) dos reis Borbóns de España.
De xullo 1830 Carlos X de Francia abandona o poder, sendo substituído por Lois Filipe.
Belga 1830 Fallada revolución. Consolídase o reino belga.
De 1848 1848 Vaga de revolucións liberais e republicanas erradas en toda Europa.
Rusa 1905 Fallada revolución burguesa-liberal con socialistas contra o Tsar Nicolao II.
Mexicana 1910 Derrocamento do ditador Porfirio Díaz, chegada ao poder de Francisco I. Madero.
Xinhai 1911 Desbaratamento do goberno da dinastía Qing e creación da República da China.
Alemá 1918 Instauración da República de Weimar por unha revolución obreira contra o káiser.
Alxeriana 1954-62 Guerra revolucionaria de independencia colonial contra Francia.
Maio francés 1968 Revoltas estudantís e de traballadores contra o goberno de Charles de Gaulle.
Dos Caraveis 1974 Derrocamento da ditadura conservadora pola esquerda portuguesa.
Indonesa 1998 Caída do ditador Suharto.
Serbia 2000 Derrota de Slobodan Milošević, novo presidente e gobernos democráticos.
Revolucións socialistas
Española 1936 Resposta ao golpe de estado do 18 de xullo de 1936 contra a legalidade republicana. O seu carácter foi en gran parte libertario.
Alemá 1919 Fracasada revolución en Alemaña de Rosa Luxemburg e Karl Liebknecht.
Sandinista 1979 Popular derrocamento en Nicaragua da ditadura de Somoza por un movemento campesiño.
Bolivariana 1999 Cambio político económico e social impulsado por Hugo Chávez en Venezuela, comezado desde o seu acceso ao goberno. A revolución está baseada, no ideario do libertador Simón Bolívar.
Revolucións anti-soviéticas
Húngara 1956 Revolución de labregos e obreiros contra o goberno comunista, suprimida polas tropas soviéticas.
De veludo 1989 Desbaratamento pacífico do goberno comunista na desaparecida Checoslovaquia.
Cantada 1988 Derrocamento pacífico do goberno comunista en Estonia.
Revolucións marxista-leninistas
Rusa 1917 A máis influente revolución moderna, os bolxeviques conseguen o poder e forman a URSS.
Húngara 1919 Tras o final da primeira guerra mundial, estabelécese a República Soviética Húngara.
Mongol 1920
Norcoreana 1948 Estabelécese un réxime comunista.
China 1949 Vitoria da rebelión campesiña comunista de Mao Zedong, nace a República Popular da China.
Cultural 1966-76 Movemento maoísta na República Popular da China.
Norvietnamita 1954 Ho Chi Minh estabelece un Estado socialista.
Iraquí 1958 Karim Qasim tomou o poder tras un golpe de estado.
Cubana 1959 Revolución contra o ditador Fulgencio Batista. Vitoria do goberno revolucionario de Fidel Castro.
Congolesa 1964
Suriemení 1967 Establécese unha República Popular de orientación marxista.
Libia 1969 Gaddafi estabelece un estado Popular e Socialista.
Somalí 1969
Beninesa 1972
Etíope 1974
Guineana 1974
Cambodiana 1975 Estabelécese a Kampuchea Democrática.
Survietnamita 1975
Laosiana 1975
Malgaxe 1975 Un golpe de estado puxo o goberno en poder de Didier Ratsiraka.
Caboverdiana 1975
Mozambicana 1975 O FRELIMO consegue a independencia do país.
Angolana 1975 Conséguese a independencia. O MPLA toma o poder.
Afgá 1978
Granadina 1979 Maurice Bishop estabelece un goberno Marxista-Leninista.
Burkinesa 1983
Revolucións islámicas
Iraniana 1979 Derrota popular do Sah de Irán, conformándose unha república islámica.
Talibán 1996 Movemento extremista islámico en Afganistán.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Hobsbawm, Eric J. Las revoluciones burguesas (The Age of Revolution) 1987 Barcelona: Labor ISBN 84335298781
  • Arendt, Hannah Sobre la revolución (On Revolution) 1967, 1998 Revista de Occidente, Alianza Editorial ISBN 84-206-5806-5