Mercantilismo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cadro de Claude Lorrain que representa un porto de mar francés de 1638, no momento cume do mercantilismo.

O mercantilismo é o conxunto de políticas ou ideas económicas que se desenvolveron durante os séculos XVI, XVII e máis durante a primeira metade do XVIII en Europa. Caracterizouse por unha forte inxerencia do Estado na economía. Consistiu nunha serie de medidas proclives á unificación do mercado interno e tivo como finalidade a formación de Estados-nación o máis sólidos posíbel.

Introdución[editar | editar a fonte]

O mercantilismo é un conxunto de ideas económicas que considera que a prosperidade dunha nación ou estado depende do capital que poida ter, e que o volume global de comercio mundial é inalterable. O capital, que está representado polos metais preciosos que o estado ten no seu poder, increméntase sobre todo mediante unha balanza comercial positiva con outras nacións (ou, o que é o mesmo, que as exportacións sexan superiores ás importacións). O mercantilismo suxire que o goberno dirixente dunha nación debería buscar a consecución deses obxectivos mediante unha política proteccionista sobre a súa economía, favorecendo a exportación e desfavorecendo a importación, sobre todo mediante a imposición de aranceles. A política económica baseada nestas ideas ás veces recibe o nome de sistema mercantilista.

Os pensadores mercantilistas preconizan o desenvolvemento económico por medio do enriquecemento das nacións grazas ao comercio exterior, o que permite atopar saída aos excedentes da produción. O Estado adquire un papel primordial no desenvolvemento da riqueza nacional, ao adoptar políticas proteccionistas, e en particular establecendo barreiras arancelarias e medidas de apoio á exportación.

Jakob Fugger "o rico", pintado por Durero (1519), xusto cando estaba realizando o "negocio do século": o préstamo a Carlos I de España que lle permitiu converterse en Carlos V de Alemaña, ao financiar os cuantiosos subornos da súa elección imperial. Os impostos cos que se pensaba devolver o crédito provocaron a Guerra das Comunidades de Castela. Pouco antes, as manobras teolóxico-financeiras do papado provocaron, tamén en Alemaña, a Reforma luterana. Resulta comprensible que na época entendésese á economía como algo explicable desde un punto de vista secular, non unicamente relixioso, un xogo de suma cero, en que só se gaña o que outro perde, e estreitamente vinculado ao poder político.

O mercantilismo como tal non é unha corrente de pensamento. Marca o final da preeminencia da ideoloxía económica do cristianismo (a crematística), inspirada en Aristóteles e Platón, que rexeitaba a acumulación de riquezas e os préstamos con xuros (vinculados ao pecado de usura). Esta nova corrente económica xorde nunha época na que os reis desexan posuír o máximo de ouro posible. As teorías mercantilistas buscan ese obxectivo e desenvolven unha problemática baseada no enriquecemento. Esta corrente baséase nun sistema de análise dos fluxos económicos moi simplificado no que, por exemplo, non se ten en conta o papel que desempeña o sistema social.

Foi a teoría predominante ao longo de toda a Idade Moderna (desde o século XVI ata o XVIII), época que aproximadamente indica o xurdimento da idea do Estado nación e a formación económico social coñecida como Antigo Réxime en Europa Occidental. No ámbito nacional, o mercantilismo levou aos primeiros casos de intervención e significativo control gobernativo sobre a economía, e foi neste período no que se foi establecendo gran parte do sistema capitalista moderno. Internacionalmente, o mercantilismo serviu indirectamente para impulsar moitas das guerras europeas do período, e serviu como causa e fundamento do imperialismo europeo, dado que as grandes potencias de Europa loitaban polo control dos mercados dispoñibles no mundo.

Como axente unificador tendente á creación dun estado nacional soberano, o mercantilismo tivo en contra dúas forzas: Unha, máis espiritual-xurídica que política-económica, foron os poderes universais: a Igrexa e o Imperio, a outra, de carácter predominantemente económico foi o particularismo local, coa dificultade que produce ás comunicacións e a pervivencia da economía natural (en determinadas zonas os ingresos do estado eran en especie e non en diñeiro); mentres que a pretensión mercantilista é que o mercado pechado sexa substituído polo mercado nacional e as mercancías como medida de valor e medio de cambio sexan substituídas polo ouro. O mercantilismo ve a intervención do estado como o medio máis eficaz para o desenvolvemento económico.

Outra tendencia do mercantilismo era robustecer cara ao exterior o poder do Estado, subordinando a actividade económica cara a ese obxectivo, e interesándose pola riqueza en canto sirva de base para ela. O liberalismo considerará á riqueza como preciosa para o individuo, e polo tanto, digna de ser alcanzada como fin en si mesma: se o particular non debe pensar máis que enriquecerse, é un feito puramente natural e involuntario que a riqueza dos cidadáns contribúa a aumentar a riqueza do estado. En cambio, para os mercantilistas, a riqueza privada é simplemente un medio, e como tal subordínase ao estado e aos seus fins de dominio.

Ao longo deste período durante o cal as hipóteses evolucionaron, aparece unha literatura complexa, que dá idea de que existe unha corrente vagamente unificada. No Século XIX, estenderase pola maioría das nacións europeas, adaptándose ás características nacionais. Entre as escolas mercantilistas distínguese: o bullionismo (ou "mercantilismo español") que propugna a acumulación de metais preciosos; o colbertismo (ou "mercantilismo francés") que pola súa banda inclinase cara á industrialización; e o comercialismo (ou "mercantilismo británico") que ve no comercio exterior a fonte da riqueza dun país.

A partir desa época, as cuestións económicas deixan de pertencer aos teólogos. A Idade Moderna marca un xiro coa progresiva autonomía da economía fronte á moral e a relixión así como fronte á política. Esta enorme ruptura realizarase por medio de conselleiros dos gobernantes e polos comerciantes.[1] Esta nova disciplina chegará a ser unha verdadeira ciencia económica coa fisiocracia. Entre os moitos autores mercantilistas, hai que destacar a Martín de Azpilicueta (1492-1586), Tomás de Mercado (1525-1575), Jean Bodin (1530?1596), Antoine de Montchrétien (1576?1621), ou William Petty (1623?1687).

A confianza no mercantilismo comezou a decaer a finais do século XVIII, momento no que as teorías de Adam Smith e doutros economistas clásicos foron gañando favor no Imperio Británico, e en menor grao no resto de Europa (coa excepción de Alemaña, onde a Escola Histórica de Economía foi a máis importante durante todo o século XIX e comezos do XX). Adam Smith, que o critica con dureza na súa obra titulada Unha investigación sobre a natureza e as causas da riqueza das nacións (coñecida comunmente como A riqueza das nacións), cualifica o mercantilismo como unha "economía ao servizo do Príncipe".

Curiosamente, e aínda que fora unha antiga colonia británica, os Estados Unidos de América non se adheriron á economía clásica, senón ao réxime económico que foi chamado "sistema americano" (unha forma de neo-mercantilismo) a través das políticas de Alexander Hamilton, Henry Clay, Abraham Lincoln e polo que máis tarde serían as prácticas económicas do Partido Republicano, que á súa vez se reflectiron nas políticas dos historicistas alemáns e economistas como Friedrich List. Isto durou ata o xurdimento do New Deal tras a crise de 1929.

Hoxe en día a teoría do mercantilismo é rexeitada pola maioría dos economistas, aínda que algúns dos seus elementos en ocasións son vistos de forma positiva por algúns, entre os cales cabe citar a Ravi Batra, Pat Choate, Eammon Fingleton, ou Michael Lind.[2]

Doutrina económica mercantilista[editar | editar a fonte]

O mercantilismo como conxunto de ideas económicas[editar | editar a fonte]

Case todos os economistas europeos de entre 1500 e 1750 considéranse hoxe en día como mercantilistas. Con todo, estes autores non se vían a si mesmos como partícipes dunha soa ideoloxía económica, senón que o termo foi acuñado por Victor Riquetti, Marqués de Mirabeau en 1763, e foi popularizado por Adam Smith en 1776. De feito, Adam Smith foi a primeira persoa en organizar formalmente moitas das contribucións dos mercantilistas no seu libro A Riqueza das Nacións.[3] A palabra procede da palabra latina mercari, que ten o sentido igual ao galego mercantil, no sentido de levar a cabo un negocio, e que procede da raíz merx que significa mercancía. Foi utilizada inicialmente só polos críticos a esta teoría, tales como Mirabeau e Smith, pero pronto foi adoptada polos historiadores.

O mercantilismo en si non pode ser considerado como unha teoría unificada de economía. En realidade non houbo escritores mercantilistas que presentasen un esquema xeral do que sería unha economía ideal, tal e como Adam Smith faría máis adiante para a economía clásica. No seu lugar, o escritor mercantilista tendía a enfocar a súa atención nunha área específica da economía.[4] Sería despois do período mercantilista cando os estudosos que viñeron posteriormente integrarían as diversas ideas no que chamarían mercantilismo, por exemplo Eli F. Heckscher[5] que ve nos escritos da época á vez un sistema de poder político, un sistema de regulamentación da actividade económica, un sistema proteccionista e tamén un sistema monetario coa teoría da balanza comercial. Con todo, algúns teóricos rexeitan completamente a idea mesma dunha teoría mercantilista, argumentando que dá "unha falsa unidade a feitos dispares".[6] O historiador do pensamento económico Mark Blaug fai notar que o mercantilismo foi cualificado co paso do tempo como "molesta equipaxe", "diversión de historiografía", e de "xigantesco globo teórico".[7] Ata certo punto, a doutrina mercantilista en si mesma facía imposible que existise unha teoría xeral económica. Os mercantilistas vían o sistema económico como un xogo de suma cero, onde a ganancia dunha das partes supuña a perda doutra, ou seguindo a famosa máxima de Jean Bodin "non hai nada que alguén gañe que outro non perda" (Os Seis libros da República). Xa que logo, calquera sistema de políticas que beneficiasen a un grupo por definición tamén farían dano a outro ou outros, e non existía a posibilidade de que a economía fose empregada para maximizar a riqueza común, ou o ben común.[8] Parece que os escritos dos mercantilistas fixéronse para xustificar a posteriori unha serie de prácticas, máis que para avaliar o seu impacto e determinar así o mellor modo de levalas a termo.[9]

O mercantilismo é, xa que logo, unha doutrina ou política económica que aparece nun período intervencionista e describe un credo económico que prevaleceu na época de nacemento do capitalismo, antes da Revolución industrial.[10]

As primeiras teorías mercantilistas desenvolvidas a principios do Século XVI estiveron marcadas polo bullionismo (do inglés bullion: ouro en lingotes). A ese respecto, Adam Smith escribía:

A dobre función que cumpre o Diñeiro, como instrumento de comercio e como medida dos valores, fixo que se produza de modo natural esa idea popular de que o Diñeiro fai a riqueza, ou que a riqueza consiste na abundancia de ouro e prata [...]. Razóase do mesmo xeito con respecto a un país. Un país rico é aquel en que abunda o diñeiro, e o medio máis sinxelo de enriquecer o seu, é amasar o ouro e a prata [...]. Debido ao crecente éxito destas ideas, as diferentes nacións de Europa dedicáronse, aínda que sen demasiado éxito, a buscar e acumular ouro e prata de todos os xeitos posibles. España e Portugal, posuidores das principais minas que provén a Europa deses metais, prohibiron a súa exportación ameazando con graves represalias, ou a someteron a enormes taxas. Esta mesma prohibición formou parte da política da maioría das nacións de Europa. Un atópaa ata onde menos o esperaría, nalgunhas antigas actas do parlamento de Escocia, que prohiben, baixo fortes penas, transportar ouro e prata fora do reino. A mesma política púxose en marcha en Francia e en Inglaterra[11]
Thomas Gresham, comerciante e financeiro inglés.

Durante ese período, importantes cantidades de ouro e prata fluían desde as colonias españolas do Novo Mundo cara a Europa. Para os escritores bulionistas, como Jean Bodin ou Thomas Gresham, a riqueza e o poder do Estado mídense pola cantidade de ouro que posúen. Cada nación debe pois acrecentar as súas reservas de ouro a expensas das demais nacións para facer crecer o seu poder. A prosperidade dun Estado mídese, segundo os bulionistas, pola riqueza acumulada polo goberno, sen mencionar a Renda nacional. Este interese cara ás reservas de ouro e prata explícase en parte pola importancia desas materias primas en tempos de guerra. Os exércitos, que contaban con moitos mercenarios, eran pagados con ouro e quitando aos poucos países europeos que controlaban as minas de ouro e prata, o principal xeito de obter esas materias primas era o comercio internacional. Se un Estado exportaba máis do que importaba, a súa "balanza do comercio" (o que corresponde nos nosos días á balanza comercial) era excedentaria, o que se traducía nunha entrada neta de diñeiro.

Isto levou aos mercantilistas a propor como obxectivo económico o ter un excedente comercial. Prohibíase estritamente a exportación de ouro. Os bulionistas tamén eran partidarios de pór en marcha altas taxas de interese para animar aos investidores a investir o seu diñeiro no país.

No Século XVIII desenvolveuse unha versión máis elaborada das ideas mercantilistas, e que rexeitaba a visión simplista do bulionismo. Eses escritores, como Thomas Mun, situaban como principal obxectivo o crecemento da riqueza nacional, e aínda que seguía considerando que o ouro era a riqueza principal, admitían que existían outras fontes de riqueza, como as mercancías.

"(...) non é a gran cantidade de ouro e prata o que constitúe a verdadeira riqueza dun Estado, xa que no mundo hai Países moi grandes que contan con abundancia de ouro e prata, e que non se atopan máis cómodos, nin son máis felices [?]. A verdadeira riqueza dun Reino consiste na abundancia das Mercancías, cuxo uso é tan necesario para o sostemento da vida dos homes, que non poden pasarse delas"[12]

O obxectivo dunha balanza comercial excedentaria seguía perseguíndose pero desde ese momento víase interesante importar mercancías de Asia por medio de ouro para revender logo eses bens no mercado europeo con importantes beneficios.

"E para deixar a cousa aínda máis clara, cando dicimos [...] que 100.000 libras exportadas en efectivo poden servir para importar o equivalente aproximado de 500.000 libras esterlinas en mercancías das Indias Orientais, hai que entender que a parte desa suma que pode chamarse con propiedade a nosa importación, ao ser consumida no reino, ten un valor dunhas 120.000 libras esterlinas anuais. De maneira que o resto, é dicir 380.000 libras, é mercancía exportada ao estranxeiro baixo a forma dos nosos tecidos, o noso chumbo, o noso estaño, ou de calquera outro produto do noso país, con grande aumento do patrimonio do reino e iso no tesouro, polo que podemos concluír que o comercio das Indias Orientais prové a ese fin.[13]

Esta nova visión rexeitaba a partir dese momento a exportación de materias primas, que unha vez transformadas en bens finais constituían unha importante fonte de riqueza. Mentres o bulionismo favorecera a exportación en masa de la de Gran Bretaña, a nova xeración de mercantilistas apoiaba a prohibición total de exportar materias primas e propugnaba o desenvolvemento de industrias manufactureiras domésticas. Ao necesitar as industrias importantes capitais, no Século XVIII viuse unha redución das limitacións contra a usura. Como moi ben demostrou William Petty, a taxa de interese vese como unha compensación polas molestias ocasionadas ao prestador ao quedar sen liquidez. Un resultado desas teorías foi a posta en marcha das Navigation Acts a partir de 1651, que deron aos barcos ingleses a exclusiva nas relacións entre Gran Bretaña e as súas colonias, prohibindo aos holandeses o acceso a certos portos para restrinxir a expansión dos Países Baixos.

As consecuencias en materia de política interior das teorías mercantilistas estaban moito máis fragmentadas que os seus aspectos de política comercial. Mentres Adam Smith dicía que o mercantilismo apelaba a controis moi estritos da economía, os mercantilistas non estaban de acordo entre si. Algúns propugnaban a creación de monopolios e outras cartas patentes. Pero outros criticaban o risco de corrupción e de ineficacia de tales sistemas. Moitos mercantilistas tamén recoñecían que a instauración de cotas e de control de prezos propiciaba o mercado negro.

En cambio, a maior parte dos teóricos mercantilistas estaban de acordo na opresión económica dos traballadores e agricultores que debían vivir cuns ingresos próximos ao nivel de supervivencia, para maximizar a produción. Uns maiores ingresos, tempo libre suplementario ou unha mellor educación desas poboacións contribuirían a favorecer a folgazanería e prexudicarían a economía.[14] Eses pensadores vían unha dobre vantaxe no feito de dispor de abundante man de obra: as industrias que se desenvolvían nesa época precisaban de moita man de obra e ademais iso reforzaba o potencial militar do país. Os salarios mantéñense pois a un baixo nivel para incitar a traballar. As leis de pobres (Poor Laws) en Inglaterra perseguen aos vagabundos e fan obrigatorio o traballo. O ministro Colbert fará traballar a nenos con seis anos en manufactúralas de Estado.

A reflexión sobre a pobreza e o seu papel social na Idade Moderna cobrou importancia sobre todo tras a Reforma protestante e os diferentes papeis que á predestinación e o triunfo persoal daban a teoloxía de Lutero, Calvino ou a Contrarreforma. A opinión católica tradicional asociábase ao mantemento do Antigo Réxime, sancionando o lecer dos privilexiados e considerando a condena do traballo como un castigo divino, mentres que as sociedades onde triunfou o protestantismo parecían adecuarse máis aos novos valores burgueses.[15] A valoración tradicional dos pobres víaos como máis próximos a Deus, e as institucións de caridade non se vían como medios de erradicar a pobreza, senón de paliar os seus efectos. Porén, entre os católicos tamén se inclúe a obra de Juan Luís Vives[16], que trata o problema da mendicidade buscando solucións nas institucións públicas, que deben socorrer aos verdadeiros pobres e facer traballar aos que só son vagos; para iso consideraba preciso unha organización da beneficencia e unha reforma do sistema sanitario, de asilo. Seguindo as súas ideas organizouse a actuación contra a pobreza na cidade de Bruxas.

Interpretación histórica do mercantilismo[editar | editar a fonte]

En efecto, non se pode falar dunha escola mercantilista, pois, para poder falar dunha escola deben existir unha serie de características que englobe este termo. Unha delas é a presenza dun mestre que cre un pensamento o cal sexa seguido polos membros da escola, ademais de homoxeneidade no pensamento. Así, por exemplo, podemos falar da Escola Clásica con Adam Smith como epicentro do pensamento, é dicir , como mestre, e a afinidade entre os distintos autores da mesma. Con todo, no que se refire ao pensamento chamado mercantilista non atopamos ningún dos atributos necesarios para identificalo cunha escola de pensamento.

O mercantilismo tivo diversas interpretacións ao longo do tempo. Desde Adam Smith ata a actualidade sucédense explicacións do que foron e significaron todos estes autores chamados mercantilistas. John Maynard Keynes, Gustav von Schmoller, William Cunningham e o xa mencionado Adam Smith, entre moitos outros, achegaron a súa perspectiva do mercantilismo. Sinalaremos particularmente a Eli Heckscher que, influído polos tres últimos autores mencionados, unifica as interpretacións destes para logo engadir a súa. Fala do mercantilismo desde o punto de vista da súa política proteccionista e as súas actitudes monetarias (como xa refire Smith), como unha doutrina na construción do estado (recollido de Schmoller), como un sistema de poder (propugnado por Cunningham) e engade a súa tese a estas catro: describe o mercantilismo como unha concepción social que rompeu cos moldes tanto morais como relixiosos que determinaban o comportamento dos axentes económicos.

A partir dos anos corenta disgreganse as interpretacións, desde unha perspectiva xeral, en catro direccións diferentes. Por unha banda, historiadores que falan dun período preanalítico do pensamento económico.Por outra banda, os que argumentan a anticipación da doutrina clásica en moitos aspectos (mecanismos dos prezos etc.). Un terceiro grupo de historiadores fan fincapé na política, xa non exterior e proteccionista, senón na local e nacional. Para rematar, e como achega argumentativa á afirmación da inexistencia dunha escola mercantilista, un cuarto grupo de historiadores avoga que o mercantilismo é unha invención dos investigadores, pois, non hai homoxeneidade nin coherencia na súa doutrina senón disparidade nos asuntos tratados segundo que países, e que, xa que logo, o debate que gradualmente se centra nunha visión homoxénea é errónea.

Facendo referencia a aqueles autores que cren que o mercantilismo é a anticipación á doutrina clásica, podemos destacar a Richard Cantillon. Este autor, que se percibe entre o pensamento mercantilista e clásico, perfecciona o concepto de balanza de comercio en termos de traballo. Desde esta óptica tense en conta o aumento do emprego como termo positivo nas ganancias da balanza comercial. Así, pois, Cantillon, avoga por medidas para a estabilidade dos prezos e impedir a súa subida (pola acumulación do diñeiro) e en consecuencia a pervivencia dun nivel alto de emprego.

A época mercantilista[editar | editar a fonte]

O concepto de mercantilismo defínese a partir dos grandes descubrimentos xeográficos, consecuencia da apertura das rutas comerciais marítimas polos portugueses entre o século XV e 1500 (data do descubrimento do Brasil) e a consolidada corrente inesgotable do metal precioso (ouro e prata principalmente) levado desde os territorios novos a Europa, en particular despois do establecemento dos vicerreinos de Nova España e do Perú, polos casteláns.

Os españois do século XVII, chegaron a considerar ao mercantilismo como o sentido mesmo da riqueza mediante a teoría do enriquecemento das nacións a través da acumulación de metal precioso. O ouro e a prata constitúen o obxectivo do comerciante e polo tanto pódense considerar como o impulso ao intercambio de mercancías. O ouro e a prata por si mesmos non xeraron os acontecementos económicos da época, senón que conxuntamente con outras causas foron moldeando a economía europea deses tempos. Algunhas destas causas foron: os grandes descubrimentos xeográficos, o Renacemento, a Reforma relixiosa, a aparición do estado moderno e o réxime colonial, ou sexa a primeira globalización ou o "primeiro sistema-mundo", segundo a expresión de Fernand Braudel.

Intimamente conectado á urxencia do Estado-nación moderno e baseado na existencia do binomio "metrópole - colonias", o mercantilismo asumiu formas nacionais, das cales poden citarse, en orde cronolóxica: Portugal, España, Inglaterra, Holanda, Francia, Dinamarca e Suecia durante os séculos XVI, XVII e XVIII. Nesta época, o mercantilismo evoluciona de tal xeito que xera un estudo apropiado e tradúcese como unha actividade económica, a tal grao que se fala de políticas económicas e normas económicas. Ao mercantilismo empézaselle a coñecer con outras denominacións, as mesmas que dan sentido ao seu concepto, estas son: sistema mercantil, sistema restritivo, sistema comercial, Colbertismo en Francia e Cameralismo en Alemaña.

Derivado da expansión militar europea e do incipiente desenvolvemento manufactureiro, como complemento da produción clásica da agricultura, o mercantilismo incrementou notablemente o comercio internacional. Os mercantilistas foron os primeiros en identificar a importancia monetaria e política deste.

O mercantilismo desenvolveuse nunha época na que a economía europea estaba en transición do feudalismo ao capitalismo. As monarquías feudais medievais estaban sendo substituídas polas novas nacións estado centralizadas, en forma de monarquías absolutas ou (en Inglaterra e Holanda) parlamentarias. Os cambios tecnolóxicos na navegación e o crecemento dos núcleos urbanos tamén contribuíron decisivamente ao rápido incremento do comercio internacional.[17] O mercantilismo enfocábase en como este comercio podía axudar mellor aos estados.

Outro cambio importante foi a introdución da contabilidade moderna e as técnicas de dobre entrada. A nova contabilidade permitía levar un claro seguimento do comercio, contribuíndo á posibilidade de fiscalizar a balanza de comercio.[18] E por suposto, tampouco se pode ignorar o impacto que supuxo o descubrimento de América. Os novos mercados e minas descubertas impulsaron o comercio exterior ata cifras que ata entón non se podían nin concibir. Isto último levo a un grande incremento dos prezos e a un incremento na propia actividade comercial.[19] Curiosamente, a relación entre a chegada de metais preciosos americanos e a inflación europea do século XVI (un fenómeno a unha escala ata entón descoñecida) non foi plenamente establecido ata as investigacións de Earl J. Hamilton nunha data tan tardía como 1934 (O tesouro americano e a revolución dos prezos en España, 1501-1650).

Antes do mercantilismo, os estudos económicos máis importantes que se realizaron en Europa foron as teorías da Escolástica medieval. O obxectivo destes pensadores era atopar un sistema económico que fose compatible coas doutrinas cristiás acerca da piedade e a xustiza. Enfocábanse principalmente nas cuestións microeconómicas e aos intercambios locais entre individuos. O mercantilismo, pola súa banda, estaba aliñado coas outras teorías e ideas que estaban substituíndo o punto de vista medieval.

Nesta época fóronse adoptando tamén as teorías da Realpolitik («política da realidade» en alemán) impulsadas por Nicolás Maquiavelo e a primacía do interese nacional nas relacións internacionais. A idea mercantilista de que o comercio era unha suma cero nas que as partes facían o posible para gañar ao outro nunha dura competencia, integrábase dentro das teorías filosóficas de Thomas Hobbes. Os xogos de suma cero como o dilema do prisioneiro poden ser consistentes cun punto de vista mercantilista. No mencionado dilema os xogadores son premiados por traizoar aos seus compañeiros/opoñentes, aínda que todo o mundo estaría mellor se todos cooperasen.

Ese punto de vista pesimista sobre a natureza humana tamén encaixa coa mentalidade do puritanismo na súa concepción do mundo, que inspirou parte da lexislación mercantilista máis dura, como as Actas de Navegación (Navigation Acts) introducidas polo goberno de Oliver Cromwell.[20]

As ideas mercantilistas[editar | editar a fonte]

O pensamento mercantilista pódese sintetizar a través das nove regras de Von Hornick:[21]

  1. Que cada polgada do chan dun país se utilice para a agricultura, a minería ou as manufacturas.
  2. Que todas as materias primas que se atopen nun país se utilicen nas manufacturas nacionais, porque os bens acabados teñen un valor maior que as materias primas
  3. Que se fomente unha poboación grande e traballadora.
  4. Que se prohiban todas as exportacións de ouro e prata e que todo o diñeiro nacional se manteña en circulación.
  5. Que se obstaculicen todo canto sexa posible todas as importacións de bens estranxeiros
  6. Que onde sexan indispensables determinadas importacións deban obterse de primeira man, a cambio doutros bens nacionais, e non de ouro e prata.
  7. Que na medida que sexa posible as importacións se limiten ás primeiras materias que poidan acabarse no país.
  8. Que se busquen constantemente as oportunidades para vender o excedente das manufacturas dun país aos estranxeiros, na medida necesaria, a cambio de ouro e prata.
  9. Que non se permita ningunha importación se os bens que se importan existen de modo suficiente e adecuado no país.

Con todo, a política económica interna que defende o mercantilismo estaba aínda máis fragmentada que a internacional. Mentres que Adam Smith presentaba un mercantilismo que apoiaba o control estrito da economía, moitos mercantilistas non se identificaban con tales ideas. Durante os comezos de era moderna estaba á orde do día o uso das patentes reais e a imposición gobernamental de monopolios. Algúns mercantilistas apoiábanos, pero outros vían a corrupción e ineficiencia deses sistemas.

Un dos elementos nos que os mercantilistas estaban de acordo era a opresión económica dos traballadores. Os asalariados e os granxeiros debían vivir nas "marxes de subsistencia". O obxectivo era maximizar a produción, sen ningún tipo de atención sobre o consumo. O feito de que as clases máis baixas tivesen máis diñeiro, tempo libre, ou educación víase como un problema que dexeneraría en poucas ganas de traballar, danando a economía do país.[22]

Por outra banda, os estudosos non se pon de acordo no motivo polo cal o mercantilismo foi a ideoloxía ou teoría económica dominante durante dous séculos e medio.[23] Un grupo, representado por Jacob Viner, argumenta que o mercantilismo foi simplemente un sistema moi directo e que contaba con bastante sentido común. Con todo, sustentábase sobre unha serie de falacias lóxicas que non podían ser descubertas pola xente da época, dado que non tiñan as ferramentas analíticas necesarias. Outra escola, apoiada por economistas como Robert B. Ekelund, entende que o mercantilismo non era un erro, senón o mellor sistema posible para aqueles que o desenvolveron. Esta escola argumenta que as políticas mercantilistas foron desenvolvidas e postas en práctica por comerciantes e gobernos, cuxo obxectivo era incrementar ao máximo os beneficios empresariais. Os empresarios beneficiábanse enormemente, e sen que iso lles supuxese un esforzo, pola imposición de monopolios, as prohibicións ás importacións e a pobreza dos traballadores. Os gobernos, pola súa banda, beneficiábanse do cobro dos dereitos de aduanas os pagos dos mercadores. Aínda que as ideas económicas máis tardías foron desenvolvidas a miúdo por académicos e filósofos, case todos os escritores mercantilistas eran comerciantes ou persoas con cargos no goberno.[24]

O mercantilismo como proceso económico[editar | editar a fonte]

Dentro da doutrina económica mercantilista emerxeron, de xeito natural, tres cuestións fundamentais que xeraba esta lucrativa actividade comercial:

Na obra The Circle of Commerce (O círculo do comercio, 1623), Edward Misselden desenvolveu un concepto de balanza comercial expresado en termos de débitos e créditos, presentando o cálculo da balanza comercial para Inglaterra desde o día de Nadal do ano 1621 ata a de 1622.

A idea mercantilista de "balanza de comercio multilateral" corresponde á actual noción de "balanza de pagamentos" e componse de cinco contas:

Balanza de comercio multilateral
  1. Conta corrente (=balanza comercial)
    1. Mercancías (A)
    2. Invisibles (fretes, seguros etc.) (A)
  2. Contas de capital
    1. A curto prazo (C)
    2. A longo prazo (A)
  3. Transferencias unilaterais (doazóns, axuda militar etc.) (A)
  4. Ouro (C)
  5. Erros e Omisións

Políticas mercantilistas[editar | editar a fonte]

As ideas mercantilistas foron a ideoloxía económica dominante en toda Europa ao principio da Idade Moderna. Con todo, como conxunto de ideas non sistematizadas, a súa aplicación concreta diferiu na práctica de cada país.

En Francia[editar | editar a fonte]

Ministro francés de finanzas e mercantilista, Jean-Baptiste Colbert

En Francia, o mercantilismo nace a principios do Século XVI, pouco tempo despois do reforzamento da monarquía. En 1539, un real decreto prohibe a importación de mercancías téxtiles de la provenientes de España e dunha parte de Flandres. O ano seguinte imponse restricións á exportación de ouro.Hermann Kellenbenz, The Rise of the European Economy, p. 29 Multiplícanse as medidas proteccionistas ao longo do século. Jean-Baptiste Colbert, ministro de finanzas durante 22 anos, foi o principal impulsor das ideas mercantilistas en Francia, o que fixo que algúns falasen de colbertismo para designar o mercantilismo francés. Con Colbert, o goberno francés implicouse moito na economía para acrecentar as exportacións. Colbert eliminou os obstáculos ao comercio ao reducir as taxas aduaneiras interiores e ao construír unha importante rede de estradas e canles. As políticas desenvolvidas por Colbert en conxunto resultaron eficaces, e permitiron que a industria e a economía francesas crecesen considerablemente durante ese período, convertendo a Francia nunha das maiores potencias europeas. Non tivo tanto éxito á hora de converter Francia nunha gran potencia comercial equiparable a Inglaterra e a Holanda.E.N. Williams, The Ancien Regime in Europe, p. 177-83.

Tamén é característico do colbertismo emprender unha decidida política de creación de Manufacturas Reais que fabricaban produtos estratéxicos ou de luxo (os Gobelinos, para tapices e cristais), en ambos os casos consumibles en primeiro lugar pola demanda da propia monarquía, á vez que producían a emulación do seu consumo tanto dentro como fose do reino. Dita emulación tamén se viu na creación de manufacturas similares noutros países europeos, entre os que destacaron as Reais Fábricas españolas de produtos de luxo (Porcelana del Buen Retiro, Real Fábrica de Cristales de La Granja, Real Fábrica de Tapices), de armas (Real Fábrica de Artillería de La Cavada), e de artigos de gran consumo que se monopolizaban polo estado como regalías: tabaco (a Real Fábrica de Tabacos de Sevilla e a de Madrid), augardente, naipes.

Véxase tamén: Manufactura real.

En Inglaterra[editar | editar a fonte]

William Petty.

En Inglaterra, o mercantilismo alcanza o seu apoxeo durante o período chamado do Long Parliament (1640-1660). As políticas mercantilistas tamén se aplicaron durante os períodos Tudor e Estuardo, especialmente con Robert Walpole como principal partidario. O control do goberno sobre a economía doméstica era menor que no resto de Europa, debido á tradición da Common law (Dereito anglosaxón (en galego)) e o progresivo poder do parlamento.[25]

Os monopolios controlados polo estado estendéronse, especialmente antes da primeira revolución inglesa, a pesar de que a miúdo eran cuestionados. Os autores mercantilistas ingleses estaban divididos acerca da necesidade de control da economía interior. O mercantilismo inglés adoptou sobre todo formas de control do comercio internacional. Púxose en marcha un amplo abanico de medidas destinadas a favorecer a exportación e penalizar a importación. Instauráronse taxas aduaneiras sobre as importacións e subvencións á exportación. Prohibiuse a exportación dalgunhas materias primas. As Navigation Acts (Actas de Navegación) prohibían aos comerciantes estranxeiros facer comercio interior en Inglaterra. Inglaterra aumentou o número de colonias e, unha vez estaban baixo control, instaurábanse regras para autorizar a producir só materias primas e a comerciar unicamente con Inglaterra. Isto conduciu a progresivas tensións cos habitantes desas colonias e foi unha das principais causas da Guerra de Independencia dos Estados Unidos.

Estas políticas contribuíron en gran medida a que Inglaterra se convertese na maior potencia comercial do mundo, e unha potencia económica internacional. No interior, a transformación de terras non cultivadas en terreo agrícola tivo un efecto duradeiro. Os mercantilistas pensaban que para facer crecer o poderío dunha nación, todas as terras e recursos debían utilizarse ao máximo, o que lles levou a embarcarse en grandes proxectos como a drenaxe da rexión dos fens ("pantanos" da chaira de Bedford).[26]

En España[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Arbitrismo.
Casa de Contratación, que actualmente cumpre a función de Arquivo Xeral das Indias, xunto á Catedral de Sevilla. Centro económico do mundo no século XVI, Sevilla afundiuse nunha profunda crise no seguinte, mentres que Londres e Ámsterdan entraban no seu apoxeo.

A revolución dos prezos que afectou a toda Europa desde o século XVI, tivo a súa orixe na chegada a España das remesas anuais de metais preciosos que traía a frota de Indias, co que a reflexión sobre as súas causas e posibles solucións produciu o primeiro pensamento económico digno de tal nome. A iso sumábase a tradición de peticións de orde económica nas Cortes, tanto as castelás como as dos reinos da Coroa de Aragón. Castela, desde a Baixa Idade Media presenciara un enfrontamento entre os intereses vinculados á exportación da la (a aristocrática Mesta, e a alta burguesía de mercadores de Burgos, as feiras e portos conectados con Flandres) e os vinculados á produción interna de panos (a baixa burguesía e o patriciado urbano das cidades centrais, como Segovia e Toledo), que se expresaron nas guerras civís dos Trastamara e ata a das Comunidades. Ese modelo simplificado non oculta a confluencia de multitude doutros intereses, tanto persoais como dinásticos, institucionais e estamentales, como os das distintas partes do clero, e ata a presenza de minorías como xudeus e conversos e a gran maioría social que é o campesiñado.[27] A mesma construción da monarquía autoritaria ten moito que ver coa súa habilidade para arbitrar estes conflitos socioeconómicos e a súa dimensión política.[28] A mesma organización do monopolio do comercio americano, a través da Casa de Contratación de Sevilla, conxugado cos préstamos adiantados por banqueiros alemáns (familia Fugger) ou xenoveses, e os mecanismos da débeda pública (xuros) dan unha mostra do necesario e á vez complicado que era entender os fenómenos económicos e actuar politicamente sobre eles. Era vital para o funcionamento do complexo aparello militar, burocrático e hacendístico da Monarquía Hispánica (véxase Institucións españolas do Antigo Réxime), no que os impostos (uns do rei, outros do reino, outros dos municipios), as múltiples exencións, e os dereitos e regalías do monarca formaban un armazón caótico.

Martín de Azpilicueta.

Aos economistas españois, de abundante nómina nos séculos XVI e XVII (Tomás de Mercado, Sancho de Moncada e Martín de Azpilicueta, teóloxos vinculados á Escola de Salamanca; Luís Ortiz, contador de facenda, Martín González de Cellorigo, avogado na Chancillería de Valladolid, Pedro Fernández de Navarrete, militar e gobernador de Guipúscoa, Luís Valle de la Cerda, que propón en 1600 a creación dos Montes de Piedade co apoio das Cortes...), dábaselles o nome de arbitristas, por ser arbitrio o nome que adoitaba darse á medida que, pola súa mera vontade, podía o rei tomar en beneficio do reino, e que eses autores solicitaban. O seu papel foi subvalorado pola mesma historiografía económica española nos seus primeiros estudosos, como é o caso de Manuel Colmeiro.[29] Xa na súa propia época eran ridiculizados por propor medidas extravagantes, como o fixo Quevedo, que en varias ocasións describe a benintencionados arbitristas ("arcigogolantes") causando toda clase de catástrofes; un deles está tan enfrascado en escribir as súas teorías que non se dá conta de que se sacou a si mesmo un ollo coa pluma.[30]

O mesmo Quevedo reflectiu maxistralmente a percepción de fracaso económico, como parte da máis xeral decadencia española no seu soado poema:

Nace nas Indias honrado,

onde o mundo o acompaña.
Vén morrer en España
e é en Xénova enterrado...

¡Poderoso cabaleiro é Don Diñeiro!
Zenón de Somodevilla y Bengoechea, marqués da Ensenada.

Durante a crise económica que afectou a España durante o século XVII (de feito foi a principal afectada pola xeral crise do século XVII) puxéronse en marcha moitas políticas económicas sen demasiada coherencia, incluíndo alteracións monetarias e fiscais que máis que remediar, contribuíron ao seu afondamento. O estado ruinoso de finais dese século, durante o reinado de Carlos II, no entanto presenciou unha reactivación da economía nas zonas periféricas (fóra de Andalucía). Tras a Guerra de Sucesión Española (1702-1713), supuxo un indubidable éxito económico a adopción, polos gobernos de Filipe V, dunha serie de medidas mercantilistas de inspiración colbertista importadas de Francia (ministros Jean Orry e Michael-Jean Amelot).

No século XVIII, a herdanza do arbitrismo trasladouse ao chamado proiectismo ilustrado con maior elevación intelectual. No reinado de Fernando VI as medidas asociadas ao Catastro de Ensenada, moi ambiciosas, non foron aplicadas con decisión. O mesmo ocorreu coas do Marqués de Esquilache con Carlos III (decreto de abolición da taxa do trigo e libre comercio de grans, 1765), que foi apartado tras o motín que leva o seu nome (1766). O final do século XVIII é o do ascenso de políticos con ideas económicas máis próximas á fisiocracia e o liberalismo económico (Campomanes e Jovellanos), destacando o proxecto de lei agraria e a liberalización do comercio americano; que tampouco conseguiron un desenvolvemento eficaz, xa na crise do Antigo Réxime.

Noutros países[editar | editar a fonte]

As demais nacións tamén adoptaron as teses mercantilistas en distinto grao. Os Países Baixos, que se converteron no centro financeiro de Europa grazas a súa moi desenvolvida actividade comercial, estaban pouco interesados en restrinxir o comercio e só a última hora adoptaron algunhas políticas mercantilistas.

O mercantilismo desenvolveuse en Europa Central e en Escandinavia tras a Guerra dos Trinta Anos (1618-1648), cando Cristina de Suecia e Cristián IV de Dinamarca pasaron a preconizalo. Os emperadores Habsburgo interesáronse bastante polas ideas mercantilistas, pero a extensión e a relativa descentralización deste Imperio facía difícil a adopción de tales medidas. Algúns estados do Imperio adoptaron as teses mercantilistas, especialmente Prusia, que tivo baixo o mandato de Frederico o Grande a economía máis ríxida de Europa. Con esta base doutrinal Alemaña ía xestar unha escola chamada dos cameralistas" que tería influencia ata o século XIX.

Rusia baixo Pedro o Grande tratou de pór en marcha o mercantilismo sen demasiado éxito debido á ausencia dunha clase significativa de comerciantes ou dunha base industrial.

A batalla de Scheveningen, 10 de agosto de 1653 por Jan Abrahamsz Beerstraaten, cara a 1654, representa a batalla final da Primeira Guerra Anglo-Holandesa.

As ideas mercantilistas tamén alimentaron os períodos de conflito armado nos séculos XVII e XVIII. Ao ser a idea dominante que o stock de riqueza é algo fixo, o único modo de aumentar a riqueza dun país debía facerse en detrimento doutro. Moitas guerras, entre as que hai que contar as guerras anglo-holandesas, franco-holandesa, e franco-inglesa foron ocasionadas polas doutrinas que preconizaban o nacionalismo económico. O mercantilismo contribuíu tamén ao desenvolvemento do imperialismo, xa que todas as nacións que podían facelo trataban de apoderarse de territorios para facerse con materias primas. Ao longo deste período, o poder das nacións europeas estendeuse por todo o planeta. A expensas da economía interior, esta expansión creou monopolios, como as británicas Compañía das Indias ou a Compañía da Baía de Hudson; ou a francesa Compañía das Indias Orientais.

Artigo principal: Compañía privilexiada.

Estas compañías privilexiadas tiñan precedentes desde o século XIV nas cidades italianas de Pisa, Xénova, Florencia e Venecia; por non falar da Hansa, que responde a outra categoría funcional. En Inglaterra xurdirán algunhas a partir de guildas medievais preexistentes, como as distintas Company of Merchant Adventurers (séculos XV e XVI). Foi na Holanda independizada da Monarquía Católica onde apareceron as primeiras mencións o nome de compañías privilexiadas: a VOC (1602) e a WIC (1621). Outras nacións tiveron compañías privilexiadas, notablemente as nórdicas (Dinamarca, Suecia...). En España (a pesar de contar con precedentes medievais, como os Consulados do Mar aragoneses ou as institucións similares castelás) a figura é de incorporación máis tardía: no século XVIII o monopolio do porto de Cádiz (sucesor do de Sevilla), xa moi castigado polas consecuencias comerciais do Tratado de Utrecht, foi admitindo a presenza dalgunha compañía similar, como a Compañía Guipuscoana de Caracas (1728).

Críticas[editar | editar a fonte]

Un bo número de estudosos sinalaran xa algúns erros importantes nas teorías mercantilistas bastante antes de que Adam Smith desenvolvese unha ideoloxía que puidese substituílo completamente. Houbo críticos como Dudley North, John Locke ou David Hume que atacaron os fundamentos do mercantilismo, e ao longo do século XVIII foi perdendo o favor que tivera. Os mercantilistas eran incapaces de entender nocións como a da vantaxe competitiva (aínda que esta idea só chegou a ser entendida con David Ricardo en 1817) e os beneficios do comercio. Por exemplo, Portugal era un produtor moito máis eficiente de viño que Inglaterra, mentres que en Inglaterra era relativamente máis barata a produción téxtil. Polo tanto, se Portugal especializábase en viño e Inglaterra en téxtiles, ambos os estados sairían beneficiados se comerciaban. Nas teorías económicas modernas, o comercio non se entende como unha suma cero entre competidores, posto que ambas as partes poden verse beneficiadas, polo que se trata máis dun xogo de suma positiva. Mediante a imposición das restricións á importación, ambas as nacións terminan sendo máis pobres que se non existisen trabas ao comercio.

Gran parte de A Riqueza das Nacións de Adam Smith é un ataque ao mercantilismo.

David Hume, pola súa banda, apuntou a imposibilidade do grande obxectivo mercantilista de lograr unha balanza comercial positiva constante. A medida que os metais preciosos entraban nun país, a oferta incrementaríase e o valor deses bens nese estado comezaría a reducirse con respecto a outros bens de consumo. Pola contra, no estado que exportase os metais preciosos, o valor comezaría a crecer. Chegaría un momento no que non compensase exportar bens do país con altos prezos ao outro país, que agora tería niveis de prezos menores, e a balanza comercial terminaría reverténdose por si mesma. Os mercantilistas non entenderon este problema, e argumentaron durante moito tempo que un incremento na cantidade de diñeiro simplemente significaba que todo o mundo era máis rico.[31]

Outro dos obxectivos principais á hora de criticar as teorías do mercantilismo foi a importancia que se lle daba aos metais preciosos, ata cando algúns mercantilistas comezaran a desenfatizar a importancia do ouro e a prata. Adam Smith apuntou que os metais preciosos eran exactamente igual que calquera outro ben de consumo, e que non había ningunha razón para darlle un tratamento especial. O ouro non era máis que un metal de cor amarela que era valioso simplemente porque non é abundante.

A primeira escola que rexeitou completamente o mercantilismo foi a da Fisiocracia, en Francia. Con todo, as súas teorías tamén presentaban unha serie de importantes problemas, e a substitución do mercantilismo non se produciu ata que Adam Smith publicou a súa famosa obra Unha investigación sobre a natureza e causas da riqueza das nacións en 1776. Este libro mostra as bases do que hoxe en día se coñece como a economía clásica. Smith dedica unha parte considerable do libro a rebater os argumentos dos mercantilistas, aínda que estes son a miúdo versións simplistas ou esaxeradas dos seus pensamentos.[32]

Os académicos tamén están divididos á hora de establecer unha causa para o final do mercantilismo. Aqueles que cren que a teoría era simplemente un erro deducen que a súa substitución era inevitable desde o momento en que as ideas, moito máis exactas, de Smith foron expostas ao público. Aqueles que opinan que o mercantilismo era unha procura de formas de enriquecemento para unha parte da sociedade entenden que só terminou cando se produciron importantes cambios na sociedade, e principalmente no sistema de poderes. No Reino Unido o mercantilismo foi desaparecendo a partir de que o Parlamento acaparou o poder que o monarca tiña para establecer monopolios. Aínda que os ricos capitalistas que controlaban a Cámara dos Comúns beneficiábanse deses monopolios, o Parlamento vía difícil levalos a cabo por causa do gran custo que supuña tomar esas decisións de forma colectiva.[33]

As regulacións mercantilistas aos poucos foron eliminándose ao longo do século XVIII no Reino Unido, e durante o século XIX o goberno británico adoptou abertamente o libre comercio e as teorías económicas de Smith do laissez faire. No continente o proceso foi algo distinto. En Francia mantivéronse as prerrogativas económicas da monarquía absoluta ata a Revolución francesa, sendo entón cando terminou o mercantilismo. En Alemaña o mercantilismo continuou sendo unha importante ideoloxía ata comezos do século XX.[34]

Herdanza[editar | editar a fonte]

Ideas mercantilistas sobreviventes[editar | editar a fonte]

Alexander Hamilton preside os billetes de 10 dólares USA.

No mundo anglosaxón pódese dicir que as críticas de Adam Smith ao mercantilismo foron aceptadas no Imperio Británico, pero foron rexeitadas nos Estados Unidos por figuras tan importantes como Alexander Hamilton, Friedrich List, Henry Clay, Henry Charles Carey e Abraham Lincoln. No século XX, a maioría dos economistas de ambos os lados do Atlántico chegaron a aceptar que nalgunhas áreas as teorías mercantilistas eran correctas. O máis importante foi o economista John Maynard Keynes, que explicitamente apoiou algunhas das súas teorías.

Adam Smith rexeitara a énfase que ata entón os mercantilistas puxeran na cantidade de diñeiro argumentando que os bens, a poboación e as institucións eran as causas reais de prosperidade. Keynes argumentou que a cantidade de diñeiro en circulación, a balanza comercial e os tipos de xuros tiñan unha grande importancia na economía. Este punto de vista foi logo a base do monetarismo, cuxos defensores actualmente rexeitan moitas das teorías económicas keynesianas, pero que se desenvolveu e é agora unha das escolas económicas modernas máis importantes. Keynes tamén fixo notar que o enfoque nos metais preciosos tamén era razoable na época na que se deu (comezos de era moderna). Nunha época anterior ao papel moeda, un incremento dos metais preciosos e das reservas do estado era a única forma de incrementar a cantidade de diñeiro en circulación.

Adam Smith, por outra banda, tamén rexeitou a énfase do mercantilismo cara á produción, argumentando que a única forma de facer crecer á economía era a través do consumo (que, á súa vez, impulsaba a produción de bens). Keynes, con todo, defendeu que a produción era tan importante como o consumo.

John Maynard Keynes.

Keynes e outros economistas do período tamén retomaron a importancia que tiña a balanza de pagamentos, e visto que desde a década dos anos 30 todas as nacións controlaron as entradas e saídas de capital, a maioría dos economistas están de acordo en que unha balanza de pagamentos positiva é mellor que unha negativa para a economía dun país. Keynes tamén retomou a idea de que o intervencionismo gobernamental é unha necesidade económica.

Con todo, aínda que as teorías económicas de Keynes tiveron un grande impacto, non tiveron tanto éxito os seus esforzos de rehabilitar a palabra mercantilismo, que a día de hoxe segue tendo connotacións negativas e úsase para atacar unha serie de políticas proteccionistas.[35] Por outra banda, as similitudes entre o keynesianismo e as ideas dos seus sucesores co mercantilismo ás veces fixeron que os seus detractores as categorizasen como neomercantilismo.

Doutra banda, algúns sistemas económicos modernos copian algunhas das políticas mercantilistas. Por exemplo, o sistema do Xapón en ocasións tamén é cualificado de neomercantilista.[36]

Unha área na que Smith foi rebatido antes ata que Keynes foi na do uso da información. Os mercantilistas, que eran xeralmente mercadores ou funcionarios do goberno, tiñan nas súas mans unha gran cantidade de datos de primeira man sobre o comercio, e usábanos de forma considerable nas súas investigacións e escritos. William Petty, un mercantilista importante, é a miúdo considerado o primeiro economista en usar unha análise empírica para estudar a economía. Smith rexeitaba este sistema porque entendía que o razoamento dedutivo desde uns principios básicos era o método correcto para descubrir as verdades económicas. Hoxe en día, con todo, a maioría das escolas económicas aceptan que ambos os métodos son importantes (aínda que a escola austríaca supón unha notable excepción).

En instancias específicas, as políticas mercantilistas proteccionistas tamén tiveron un impacto positivo no estado que as puxo en marcha. O mesmo Adam Smith (sen importarlle a contradición en que incorría ao patrocinar o libre comercio para as demais e non para a súa propia nación) eloxiou as Actas de Navegación inglesas por servir para expandir enormemente a frota mercante británica, e por xogar un papel central en converter ao Reino Unido na superpotencia naval e económica que foi desde entón.[37] Algúns economistas argumentaron que o proteccionismo é bo para industrias en desenvolvemento, e que aínda que causa algúns danos a curto prazo, pode ser beneficioso a longo prazo (argumento da industria nacente recollido polo alemán Friedrich List no seu traballo de 1841 O sistema nacional de economía política).

En calquera caso, A Riqueza das Nacións tivo un profundo impacto no final do mercantilismo e a adopción posterior da política de libre mercado. Para 1860 Inglaterra xa eliminara os últimos vestixios do mercantilismo (por exemplo, as proteccionistas leis do gran ou corn laws, en gran parte grazas á Anti-Corn Law League -(Liga Anti-Lei de Grans (en galego)-). As regulacións industriais, os monopolios e os aranceis foron retirados. Convertida en "o taller do mundo", cunha industria e unha frota mercante coa que ninguén podía competir, Inglaterra converteuse na gran defensora e propagandista da política de libre mercado, xusto no momento en que máis a beneficiaba, e seguiuno sendo ata a primeira guerra mundial, cando a segunda revolución industrial púxolle diante competidores serios.

Véxase tamén: Dirixismo.

Herdanza política[editar | editar a fonte]

A posteridade do mercantilismo foi sen dúbida maior na práctica política que na teoría económica. Se o pensamento económico do Século XIX está dominado polas escolas clásica e neoclásica, máis ben favorables ao librecambismo, a práctica política estivo influenciada durante moito tempo por ideas mercantilistas. Como fai ver o historiador Paul Bairoch, a pesar de que "os homes empezarón a razoar máis en termos de nivel de desenvolvemento, que se acada en maior ou menor tempo, que a facelo en termos de apropiación dunha maior parte de riqueza", en 1815 e en 1913, o mundo occidental é "un océano de proteccionismo rodeando algúns illotes liberais".[38]

Tras o final da segunda guerra mundial, asistese a unha liberalización continua do comercio mundial baixo o impulso das grandes institucións librecambistas como a Organización Mundial do Comercio (OMC), o Banco Mundial ou o Fondo Monetario Internacional (FMI). Con todo algúns economistas como Paul Krugman opinan que estas institucións están guiadas por un "mercantilismo ilustrado", que non intenta favorecer os principios do librecambismo, senón favorecer as concesións comerciais mutuamente vantaxosas.[39] Outros economistas radicais e pensadores chegan a afirmar que esas organizacións, coa escusa do librecambismo, impón a forma de comercio internacional que desexan as grandes potencias económicas que lles controlan.[40]

Manifestación para o mantemento do proteccionismo á agricultura no Xapón. As protestas antiglobalización inclúen habitualmente a defensa de posicións similares ao mercantilismo.

Segundo Daniel Cohen, os recentes fracasos das negociacións no seo da OMC resultan reveladores dese "mercantilismo ilustrado". Se as negociacións das anteriores etapas chegaran a ter éxito, foi grazas a compromisos, a concesións recíprocas e equitativas. Os países ricos aceptaban por exemplo liberalizar o sector téxtil a cambio de vantaxes en materia de servizos financeiros concedidos polos países en vías de desenvolvemento. En cambio, tras o cume de Cancún en 2003, as negociacións entre países ricos e pobres cambian de natureza. Os debates se focalizan no tema agrícola no que as oportunidades dun intercambio mutuamente beneficioso apareceron imposibles. Lonxe de ser un "xogo de suma positiva", o comercio internacional aparece como un "xogo de suma cero", o reto do cume pasou a ser: "os nosos agricultores ou os vosos", coma se as ganancias dunha nación significasen perdas para outra.[41]

O termo neomercantilismo serve para designar, case sempre de modo pexorativo, as políticas contemporáneas que recordan as dos mercantilistas do Século XVIII. Consisten case sempre en medidas proteccionistas ou en políticas comerciais agresivas nas que o Estado implícase para fomentar a competitividade das empresas nacionais.

No contexto da mundialización, o neomercantilismo baséase no concepto de "competencia mundial", o que vén ser unha "guerra económica" entre os países. Dise que a protección ás empresas nacionais e o apoio á súa competitividade nos mercados mundiais é proveitosa para a economía nacional. Así algunhas grandes potencias son acusadas de neomercantilistas cando apoian á súa industria nacional por medio de subvencións ou de encargos estatais, á vez que impón cotas, taxas ou normas á importación, para protexer o seu mercado interior. O conflito Boeing-Airbus, unido ás subvencións que se atribúen a cada unha das súas empresas por parte dos gobernos estadounidense (en forma de encargos) e europeos, pode ser visto como exemplo de neomercantilismo.

O concepto de "guerra comercial" alimenta as campañas políticas das grandes potencias económicas: hai que "facer Europa para chegar ao peso" dicía un cartel do Partido Socialista Francés que presentaba a Europa fronte a un loitador de sumo xaponés e un obeso estadounidense durante a campaña electoral para o referendo sobre o Tratado de Maastricht en 1992. Segundo algúns, esas políticas serven de contrapeso para os efectos presuntamente negativos da globalización económica sobre a xustiza social, mentres os economistas librecambistas opinan que favorecen intereses particulares dalgunhas industrias prexudicando o interese xeral. Con todo, o concepto de preferencia comunitaria non é unha realidade xurídica, nin sequera económica. Se foi sancionado polo Tribunal de Xustiza da Unión Europea o 13 de marzo de 1968 en materia de política agraria común (en función dun dereito de aduana sobre os produtos procedentes de países terceiros), pronto se topou cos obxectivos do GATT. Hoxe en día segue existindo unha tarifa exterior común que provoca a miúdo duras discusións entre os países membros da Unión Europea e a Organización Mundial do Comercio.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Montchrestien é conselleiro do príncipe, Jean Bodin e Charles de Montesquieu son maxistrados, Jean-Baptiste Colbert e Jacques Necker ministros de finanzas, Thomas Mun e Josiah Child dirixentes da Compañía Británica das Indias Orientais, William Petty un home de negocios, John Law e Richard Cantillon financeiros. (Etner 2005, p.3012)
  2. * Lind, Michael: "Durante o século XIX a escola predominante de economía política americana foi o sistema americano de desenvolvemento de nacionalismo económico(...) O santo patrón da escola era Alexander Majorie, cuxo Informe sobre Manufacturas (1791) fixera un chamamento ao activismo do goberno federal para apoiar un desenvolvemento das infraestruturas e unha industrialización protexida por aranceis que afastasen aos produtos manufacturados británicos (...) A escola americana, creada no século XIX por economistas como Henry Carey (asesor do presidente Lincoln), inspiraban o "sistema amricano" de Henry Clay e as políticas proteccionistas de substitución de importacións ata ben entrado o século XX."(de "Hamilton's Republic" Part III "The American School of National Economy" pg. 229-230 published 1997 by Free Press, Simon & Schuster division in the USA - ISBN 0-684-83160-0)
    • Richardson, Heather Cox: "Para 1865 os republicanos desenvolveran unha serie de altos aranceis que reflectían as teorías económicas de Carey e Wayland e estaban deseñados para fortalecer e beneficiar todas as partes da economía americana, incrementando o nivel de vida de todos. Como concluíu un republicano(...) O Congreso debe adaptar a súa lexislación para axudar todas as ramas da industria, facer que a xente prospere, e permitirlles pagar os impostos(...) para os gastos ordinarios de goberno" (de "The Greatest Nation of the Earth" Capítulo 4 ¡: "Directing the Legislation of the Country to the Improvement of the Country: Tariff and Tax Legislation" pg. 136-137 published 1997 by the President and Fellows of Harvard College in the USA - ISBN 0-674-36213-6)
    • Boritt, Gabor S: "Lincoln, xa que logo, tivo o pracer de converter en lei gran parte do programa que levara a cabo durante a mellor parte da súa vida política. E isto, como o historiador Leornard P. Curry escribiu, supuxo unha "pegada para a América moderna" e "O home que Lincoln elixiu para a posición de Secretario do Tesouro, Salmon P. Chase, foi un ex-demócrata, pero da variedade moderada de economistas, un a quen Joseph Dorfman puido ata describir como 'un bo Hamiltoniano, e un progresista occidental do selo de Lincoln en todo, desde un selo ata o banco nacional.'" (de "Lincoln and the Economics of the American Dream" Capítulo 14: "The Whig in the White House" pages 196-197 published 1994 by Memphis State University Press in the USA - ISBN 0-87870-043-9; ISBN 0-252-06445-3)
  3. Jürg Niehans. A History of Economic Theory páx. 6
  4. Harry Landreth and David C. Colander History of Economic Thought. páx. 44
  5. Eli F. Heckscher, Mercantilism, trad. inglesa 1935, vol. I, páx. 19
  6. Robert B. Ekelund and Robert D. Tollison. Mercantilism as a Rent-Seeking Society. páx. 9
  7. Mark Blaug, 4ª edición, páx. 11.
  8. Landreth and Colander. páx. 48
  9. David S. Landes The Unbound Prometheus. páx. 31
  10. Ekelund e Hébert, Historia da Teoría Económica e do seu método, Páx 43, ed. MacGrawHill
  11. Riqueza das Nacións, Libro IV, capítulo I
  12. Vauban, Proxecto dunha dixma real, 1707, páxs. 77-78
  13. "Thomas Mun, A Discourse of Trade from England unto the East-Indies, 1621
  14. Robert B. Ekelund e Robert F. Hébert, A History of Economic Theory and Method páx. 46.
  15. É moi coñecida a tese de Max Weber: La ética protestante y el espíritu del capitalismo, Alianza Editorial, Madrid, 2001.
  16. De subventione pauperum. Sive de humanis necessitatibus libri II (Os dous libros da subvención aos pobres ou da necesidade humana. Bruxas, 1525)
  17. Landreth and Colander. páx. 43
  18. Charles Wilson. Mercantilism. páx. 10
  19. John Kenneth Galbraith. "A Critical History." páx. 33-34
  20. Landreth and Colander. páx. 53
  21. Ideas citadas por Ekelund e Hebert, op. cit. Páx. 44
  22. Robert B. Ekelund and Robert F. Hébert. A History of Economic Theory and Method. páx. 46
  23. Ekelund and Hébert. páx. 61
  24. Niehans. páx. 19
  25. E. Damsgaard Hansen. European Economic History. páx. 65
  26. Wilson páx. 15.
  27. Madrazo Madrazo, Santos (1969) Las dos Españas. Burguesía y nobleza, los orígenes del precapitalismo Editorial ZYX.
  28. Anderson, Perry (1979) El estado absolutista, Madrid, Século XXI.
  29. Colmeiro, Manuel: (1883) Historia de la Economía Política en España; (1880) Biblioteca de los economistas españoles de los siglos XVI, XVII y XVIII.
  30. Llopis-Fuentes, Roger (1991) El personaje del arbitrista según Cervantes y Quevedo Cincinnati Romance Review 10, pgs. 111-122. Consultable en Internet hai un estudo de Mercés Branco Del infierno al Parnaso. Escepticismo y sátira política en Quevedo y Trajano Boccalini (en castelán)
  31. Ekelund and Hébert. pg. 43
  32. Niehans. pg. 19
  33. Ekelund and Tollison
  34. Wilson pg. 6
  35. Wilson páx. 3
  36. Robert S. Walters and David H. Blake. The Politics of Global Economic Relations.
  37. Hansen páx. 64
  38. Paul Bairoch, Mythes et paradoxes de l’histoire économique, La Découverte, 1994
  39. P. R. Krugman, "Does the New Trade Theory Require a New Trade Policy ?", The World Economy, vol 15, n° 4, julio de 1992, pp. 423 – 441, pp. 429 – 431.
  40. Noam Chomsky fala sobre a OMC. Freedom, 1992.
  41. Daniel Cohen, « L'OMC est morte », Le Monde, 9 de outubro de 2003

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]